Barcos

O Encontro é unha oportunidade de ver gran parte das tipoloxías da flota de barcos tradicionais de Galicia. So cada dous anos se xuntan máis de 120 barcos de todo tipo de esloras, aparellos, e tipoloxías, incluindo os que veñen de fora do territorio de traballo da FGCMF.

No Encontro é habitual ver as únicas lanchas xeiteiras que hai navegando neste momento, ver as escasas chalanas a vela, ver que é o que fai distintos aos botes do norte de Galicia, apreciar as especiais características dos barcos portugueses presentes, presenciar a espectacular velocidade do barcos de Cartagena, a boga dos tripulantes da única trainera vasca de tipo tradicional, ou ver as múltiples variantes que ten a dorna.

Todos os días do Encontro hai navegación, todos os días se pode sair ao mar cos barcos, ou se pode contemplar o espectáculo de 120 barcos navegando xuntos en travesías a Noia, ou pola ría de Muros.  Ademais das travesías, haberá regatas de remo tradicional, e demostracións de manobras.