Historia

Combarro é unha vila con fonda ligazón co mar. A antiga praia da Chousa o peirao da Rúa ou peirao vello son exemplo desta comunión entre Combarro e o mar. Tanta é a ligazón que as propias casas e horreos teñen os seus alicerces no mar.

Combarro foi declarado conxunto histórico-artístico no ano 1972.

Construído directamente sobre o granito e á beira do mar, o seu conxunto histórico representa a esencia da arquitectura popular galega. Atópase escondido ao bordo da Ría de Pontevedra, e é precisamente esa situación privilexiada a que permitiu que chegue ata o século XXI mantendo intactos unha estrutura urbanística e un estilo arquitectónico máis propios do século XVIII ou XIX.

O conxunto arquitectónico de Combarro caracterízase por tres elementos fundamentais: os cruceiros, as casas mariñeiras, e para rematar, os hórreos, que se converteron prácticamente no seu símbolo. Tamén se caracteriza por estar construído directamente sobre un bloque granítico, que os antigos habitantes da vila utilizaron como material de construción, e que ata aproveitaron como cimentos para as casas (aínda hoxe se poden ver).

Os Cruceiros

O cruceiro é unha construción moi extendida na comunidade galega, aínda que tamén se poden atopar multitde de exemplos noutras rexións con orixes celtas, por exemplo na Bretaña francesa ou en Irlanda. No caso concreto de Galicia, os antropólogos fálannos dun culto precristiano aos deuses protectores de camiños e encrucilladas, o cal máis tarde se cristianiza, coma moitos deses cult
os. A cultura popular, en cambio, dinos que protexían eses lugares porque eran considerados enclaves máxicos, cunha enerxía especial, e alí tiñan lugar reunións de meigas. A construción do cruceiro significaba facer desa encrucillada ou camiño un lugar seguro, un camiño libre e despexado.

No caso concreto de Combarro, os cruceiros contan cunha peculiaridade engadida, e é que a figura da virxe está sempre dirixida cara ao mar, mentres que o Cristo mira cara á terra.

Dos dous cruceiros que se atopan na praza de San Roque, o primeiro que nos atopamos é de construción moi sinxela, xa que non conta con ningunha figura adosada á cruz. En cambio, o que preside o centro da praza preséntanos a Cristo (mirando cara á terra, polo suposto), e á Virxe do Socorro, figura recorrente na zona antiga de Combarro. Esta virxe caracterízase porque leva na súa man unha especie de garrote e porque ten aos seus pés ao demo. Trátase, sen dúbida dunha clara representación do ben sometendo ao mal.

As casas mariñeiras

Trátase do tipo de vivenda máis característica da vila: casas pegadas, a planta baixa dedicada a almacén de apeiros de pesca e agrícolas, existindo na maioría dos casos un lagar para a elaboración do viño para o consumo da familia, un costume que chega ata os nosos días.

 Na planta alta situábase a cociña ao fondo e unha sala ou sobrado na parte dianteira. Os dormitorios eran de dimensións mínimas, contando tan só cunha cama e quizá un baúl.

Na fachada destaca o balcón. Cando era de pedra, como no caso do edificio que alberga a biblioteca, era un signo indicativo de que a familia propietaria gozaba dunha boa situación económica.

Os mariñeiros, por regra xeral, tiñan que conformarse coa madeira ou o ferro forxado, e adoitaban pintalos de cores moi vivas, xa que aproveitaban a pintura que lles sobraba das súas embarcacións. O balcón apoiado sobre columnas dá lugar aos típicos soportais, que en Combarro, a diferenza doutras vilas, non permite unha circulación fluída das persoas, senón que xorden como simple elemento de sustentación. Non podemos deixar de sinalar que todos os balcóns da parte antiga de Combarro están orientados cara ao mar, e que cando se construíron todos eles tiñan unhas vistas privilexiadas da Ría de Pontevedra, que era, á fin e ao cabo, o lugar de traballo da maioría dos veciños.

Os hórreos

Os hórreos son unha especie de almacén ou despensa onde antigamente se gardaban os alimentos da casa familiar, sobre todo millo e patacas, pero tamén xamón ou ata peixe. Orixinariamente, nesta rexión as paredes eran de canas trenzadas, e o tellado era de palla, por iso é polo que nesta zona se lles chama “palleiras”. En épocas posteriores optouse para a súa construción por materiais máis resistentes, como a madeira ou a pedra, e aproximadamente desa época (séculos XVIII e XIX) son os exemplos que se conservan na beira do mar.

Colócanse sobre columnas para evitar que a humidade do chan ou os ratos estraguen a colleita. De feito, as pedras circulares que hai sobre as columnas chámanse “tornarratos”, xa que a súa utilidade principal era impedir que os roedores chegasen ao interior do hórreo.

En realidade, o que fai dos hórreos de Combarro un elemento orixinal e único no mundo é, por unha banda, a enorme cantidade destas construcións que se conserva (preto de 60 en todo a vila), e a situación de 30 deles aliñados ao longo da costa. A pregunta máis repetida ante a situación dos hórreos é: por qué colocar un hórreo á beira do mar? A resposta é moi sinxela, e reflicte o espírito práctico e funcional dos antigos combarreses. Moitos dos veciños de Combarro posuían terras alén de Ría, por exemplo en Campelo ou Lourido, polo que decidiron que o mellor medio para transportar as colleitas sería por mar, e para iso, nada mellor que colocar as despensas xusto na costa, para descargar directamente as embarcacións sen necesidade de transportalas polos complicados camiños que entón existían.

Non entanto, este sistema tamén deu quebradeiros de cabeza aos campesiños combarreses, xa que houbo ata piratas que durante a marea alta arribaban á costa para saquear os hórreos dos veciños.

Todos estes valores fan de Combarro a ubicación ideal para un Encontro de Embarcacións Tradicionais.

Enlace a Google maps