Benvida

XIII ENCONTRO DE EMBARCACIÓNS TRADICONAIS DE GALICIA

Combarro-Poio 2017

Entre os vindeiros 29 de xuño e 2 de xullo celebraremos en Combarro-Poio a décimo tercera edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.

O Encontro, de periodicidade bienal e carácter itinerante por distintos portos de Galicia, é una das manifestacións da cultura marítima más importantes das que se celebran na península Ibérica e, sen dúbida, a más masiva polo número de embarcacións e tripulantes que participan. Ten, así mesmo, carácter internacional, pois amais de representacións do País Vasco e de Cataluña e outros territorios do Mediterráneo, é constante nas últimas edicións a asistencia de delegacións doutros países europeos (Francia, Escocia, Irlanda, Inglaterra ou Croacia), sobre todo de Portugal, fundamentalmente do norte do país veciño, cos que temos relación permanente e de onde  proceden algunhas das asociacións integradas na nosa Federación.

O Encontro basicamente consiste nunha gran concentración de embarcacións tradicionais, arredor de 150, que se exhibirán para desfrute do público visitante no porto de Combarro e desenvolverán navegacións de mañá e tarde pola ría de Pontevedra. Ao mesmo tempo, nos espazos portuarios e nas prazas públicas da vila desenvolveranse diversas actividades culturais e de ocio dirixidas aos propios participantes e, sobre todo, á veciñanza e aos milleiros de visitantes: exposicións, obradoiros, mostras artísticas diversas e de artesanía, gastronomía, actuacións musicais etc. Estas actividades, que xiran maiormente arredor do patrimonio marítimo e a cultura mariñeira, están pensadas para un público de calquera idade e condición, salientando neste sentido os programas dirixidos ás persoas con discapacidades físicas e intelectuais, así como o Encontro Infantil, adicado especialmente á infancia.

Coa organización do evento corre un amplo comité organizador encabezado pola entidade titular do Encontro, Culturmar-Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, a asociación local Clube Mariño A Reiboa e o Concello de Poio, no que se integran numerosas asociacións, entidades e persoas, fundamentalmente de Poio e da comarca. O patrocinio corresponde á Administración pública (Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Concello de Poio), neste caso xa concertado, e ás empresas que decidan achegar a súa colaboración.

Leave a Comment

*